Redacción •  Galicia •  18/12/2023

As traballadoras de educación infantil maniféstanse en Compostela en demanda de salarios dignos

Anuncian unha nova xornada de folga con manifestacións na Coruña e Vigo se non hai avances na negociación

As traballadoras de educación infantil maniféstanse en Compostela en demanda de salarios dignos

O conflito laboral das arredor de 2000 traballadoras das escolas infantís de 0 a 3 anos tanto privadas como de xestión indirecta deu un paso máis esta mañá cunha manifestación á que se sumou a comunidade educativa, tamén familias e alumnado.  O vindeiro luns terá lugar unha nova reunión coa patronal do sector e, se non hai avances, o martes está convocada unha nova xornada de folga, a sexta do ano, con manifestacións na Coruña e en Vigo.

Na marcha, que transcorreu desde a Alameda até a praza de Praterías compostelá, con parada fronte á sede da Confederación de Empresarios de Galiza, na Rúa do Vilar, tiveron un protagonismo relevante os cartaces e as faixas nas que se podían ler reivindicacións como: “Convenio xusto, salarios dignos”; “Non coidamos, educamos”; “Se sobe o IPC, os salarios tamén” ou “A miña vocación non paga facturas”.

As traballadoras volveron poñer de manifesto a súa fartura ante a actitude da patronal española, que leva máis de ano e medio sen concretar ningunha mellora na negociación do XIII Convenio de Educación Infantil, e que na última reunión mesmo presentou unha proposta á baixa no que ten a ver cos incrementos salariais e con dereitos de conciliación.

Cómpre lembrar que este sector ten un dos convenios máis precarizados actualmente e que para nada responde ao importante labor social e á gran responsabilidade que teñen as traballadoras.

Ao remate da manifestación as delegadas sindicais de todos os sindicatos con representación no sector leron un manifesto no que instaron ás patronais a acceder ás súas demandas xa que, do contrario, continuarán coas mobilizacións.

A CIG-Ensino, organización maioritaria en Galiza, xa avanzou que non aceptará unha proposta que implique perder dereitos ou que non supoña cando menos recuperar o poder adquisitivo perdido nos últimos anos por un colectivo precarizado, polo feito de ser feminizado en gran medida.

De cara á reunión do luns agárdase unha emenda á totalidade tanto na proposta salarial (nestes intres hai varias categorías laborais por debaixo do SMI) como no que ten a ver con dereitos laborais no que tamén se produciu un retroceso conforme a propostas previas. En concreto nos seguintes apartados:

  • Incapacidades temporais, recortando máis as compensacións ao 100%.
  • Cláusula de descolgue salarial,recolle a que figura no convenio da concertada, que é máis restritiva.
  • Adaptación Reforma Laboral e novas normas en vigor, non incorpora nada ao que non obrigue xa a lei.

Proposta da CIG-Ensino

Para o sindicato con maior representación en Galiza o ideal sería contar cun convenio galego para poder negociar directamente coa patronal e non depender do ámbito estatal no que se que a patronal está a xogar claramente coas traballadoras retrasando o máximo posíbel unha saída á negociación para aforrárense cartos.

Na última mesa de negociación, que tivo lugar o 24 de novembro despois de varias mobilizacións, rexeitáronse as propostas salariais que, ademáis, non permiten recuperar o poder adquisitivo perdido (máis do 10% do IPC acumulado, o que supón máis de 100€/mes); as diferencias tan grandes entre as dúas táboas (xestión directa e indirecta), que non deberán superar os 20/30€, e máis na Galiza cando estas ensinanzas son gratuítas para as familias ou que nas táboas salariais de xestión indirecta se manteñan as diferencias entre as empresas que teñen novos pregos de contratación e quen non.

Ademais a CIG-Ensino levou a esta mesa, ao igual que ás anteriores, demandas históricas das súas traballadoras e que tamén estiveron moi presentes nas mobilizacións: o establecemento diferenciado da xornada (lectiva e non lectiva como mínimo), melloras nas licenzas e permisos (dado que non teñen apenas ningún dereito de conciliación), novos dereitos sociais como as excedencias etc.


salarios /