30 de Agosto: Día Internacional das Vítimas de Desaparicións forzadas

30/08/2018

 España é o segundo país con maior número de persoas desaparecidas tras Camboxa.

/ EFE

Esquerda Unida súmase, neste 30 de agosto de 2018, ao Día Internacional das vítimas de desaparicións forzadas, data de necesaria reivindicación e lembranza activa dos milleiros de persoas e familias vítimas dunha situación de extrema gravidade como é a desaparición forzada de persoas que, lamentablemente en moitos casos, conta co beneplácito dos gobernos de turno.

Neste 30 agosto, queremos lembrar as moreas de “cunetas” que seguen sendo a sepultura de milleiros de persoas desaparecidas e asasinadas durante a Guerra Civil e a dictadura de Franco e que nunca contaron co interese suficiente dos sucesivos gobernos do Estado español para proceder á súa recuperación, identificación e conseguinte reparación da súa memoria e da dos seus familiares.

O desprezo e a inacción do Estado español ante o Dereito á Verdade, á Xustiza e á Reparación esixidas tanto polos colectivos de Memoria Histórica como polos informes e recomendacións da ONU apelan a que poñan a disposición e se faciliten os medios necesarios para identificar as fosas e recuperar os cadáveres e así camiñar na reparacion completa (social e xudicial) dunha grave situación de desleixo na que se atopan as máis de 140 mil vítimas no relativo a salvagarda de dereitos humanos. O Estado debe poñer fin a unha situación de deixadez política e xurídica que, agardamos desde Esquerda Unida, atope unha solución inmediata.

Dende Esquerda Unida consideramos imprescindible tipificar no código penal a desaparición forzada acorde á lexislación internacional así como a supresión da Lei de Amnistía do 1977 de maneira que se garanta xulgar en España os crimes de lesa humanidade cometidos polo réxime franquista.

As desaparicións forzadas están presentes na actualidade de moitos pobos e están vinculadas na súa maioría a intereses políticos. Por iso, EU quere sumarse tamén ás reivindicacións da Asociación de Familiares de Presos e Desaparecidos Saharauís que declararon este 2018 coma o ano dos “Desaparecidos Saharauis”: as familias reclaman o dereito a coñecer o destino das máis de 400 persoas desaparecidas dende 1971. Unha vez máis, o Estado español, como potencia de “iure”, ten responsabilidade tanto política como xurídica no conflito do Sáhara Occidental, e non pode inhibirse ante a actuación do Reino de Marrocos, que actúa con impunidade no exterminio dun pobo con dereitos recoñecido como tal pola ONU.