A Asociación Galega de Defensa da Sanidade Pública súmase á preocupación e desesperación cidadá polas listas de espera na sanidade

04/08/2018

O colectivo considera que non pode haber triunfalismo ante a desesperación da cidadanía polas listas de espera.

Dende a entidade denuncian que a Xunta de Galicia de Alberto Nuñez Feijoo manten a súa política de ocultamento, dado que non se publican as listas non estruturais que inclúen aos pacientes que rexeitan ser atendidos, en centros privados concertados e aos de enfermidades complexas que non atende a privada-concertada. Segundo as nosas estimacións pódense estar ocultando máis da metade dos enfermos pendentes de intervencións cirúrxicas.
 
Pese a ésto, as listas publicadas non experimentan unha mellora significativa si acumulamos 33.024 pacientes pendentes de operación e 161.577 pendentes de consulta con especialistas hospitalarios. O tempo medio é de máis de dous meses para cirurxía e un mes para primeira consulta, o que indica a incapacidade da Consellaría de Sanidade para mellorar o principal problema da Sanidade Pública Galega.
 
Esta situación, beneficia ás empresas sanitarias privadas (en mans moitas delas de grandes multinacionais) ás que o SERGAS deriva cada vez máis doentes (especialmente trala entrada en vigor la Lei de Garantías de Tempos de Espera) pese ao rexeitamento de gran parte dos afectados. Pero a solución non é máis sanidade privada xa que son os centros privados, como POVISA ou de xestión Pública Privada como o Hospital Alvaro Cunqueiro de Vigo, os que presentan listas cirúrxicas máis elevadas con 80,5 e 84,5 días respectivamente, fronte aos 57,8 de media do conxunto do sistema.
 
Resulta preocupante a espera para algunhas probas diagnósticas como dous meses para unha Resonancia Magnética ou un mes para o PET (proba que permite diagnosticar a diseminación de tumores malignos). É tamén paradoxal, que se tarde 119 días (máis de tres meses) en realizar unha endoscopia dixestiva trala posta en marcha do Screening de cancro colo-rectal que pretende realizar un diagnóstico precoz deste problema na poboación.
 
Si sumamos as esperas de primeira consulta con especialistas hospitalarios (37 días), a de probas diagnósticas (pode superar os 130 días) e a de cirurxía(57,8 dias) o tempo medio para resolver un problema de saúde que requira intervención cirúrxica pode superar os 200 días. Como este dato é unha media, moitos pacientes poden superar o ano ou ata dous, como se ven denunciado periodicamente.
 
Para o grupo isto se resumen en "máis do mesmo" para o principal problema sanitario en Galicia, que demostra a falta de recursos en sanidade,  despois dos recortes, a incapacidade de xestión da Consellaría e a deriva privatizadora da política sanitaria de Feijoo. Pero queda claro que a tendencia para o PP, pasa polas empresas sanitarias privadas, algo que a AGDSP seguirá denunciando.