En Marea, PSOE e BNG piden a comparecencia do conselleiro de Política Social pola contratación de monitores de verán

03/07/2018

As tres formacións ven necesario que o goberno galego explique ante a Cámara o procedemento seguido nos últimos meses para a contratación dos monitores que traballarán nos campamentos da Campaña de Verán que arrincou este mes de xullo. Un proceso no que primou a improvisación e que, tal e como temen as tres formacións políticas, non garante nin a necesaria calidade do servizo nin tampouco o cumprimento dos dereitos laborais e as condicións salariais fixadas por convenio para eses traballadores.

Toda a oposición da Cámara galega pide aclaracións sobre a contratación de monitores para os campamentos de verán / Creative Commons
En vista das improvisadas solucións de última hora que a Xunta de Galicia se viu na obriga de adoptar para conseguir cubrir as prazas de monitores precisas para os campamentos deste verán 2018, En Marea, PSOE e BNG ven necesario que o titular de Política Social do goberno galego compareza en sede parlamentaria.
 
O 2 de abril de 2018 a Xunta de Galicia publicou o procedemento para a contratación administrativa da execución da programación das actividades de educación non formal da Campaña de Verán 2018 que se iniciará o 1 de xullo. Porén, 10 dos 13 lotes incluídos neste proceso quedaron desertos, tras constatarse que boa parte das empresas que optaban a eles presentaban ofertas económicas por debaixo do custe mínimo establecido e inferiores ao custo de persoal fixado en función do pertinente convenio.
 
En Marea, PSOE e BNG consideran totalmente fóra de lugar o xeito en que se realizaron estas contratacións. Un proceso no que primou a improvisación, e que levou a que, logo das negociación en pechado coas empresas candidatas, a Xunta convocase dun día para outro aos monitores para un proceso selectivo moi deficientemente publicitado e xestionado. Sen deixar tempo, ademais, para que estes monitores preparen axeitadamente a programación que impulsarán nas vindeiras semanas.
 
Os tres grupos da oposición entenden que algo así non pode volver repetirse. Tanto polo que se refire á necesidade de garantir o cumprimento das condicións laborais dos monitores; como no que atinxe á calidade do servizo que recibirán as nenas e nenos. E esixen que o goberno aporte as explicacións oportunas.

Añadir nuevo comentario

Comentarios

Plain text

  • No se permiten etiquetas HTML.
  • Las direcciones de las páginas web y las de correo se convierten en enlaces automáticamente.
  • Saltos automáticos de líneas y de párrafos.
Al enviar este formulario, usted acepta la política de privacidad de Mollom .