Eva Solla e Rubén Pérez presentan o proceso de primarias de Esquerda Unida “con mulleres e homes que terán un papel fundamental nas Eleccións de 2019”

15/05/2018

“A nosa proposta programática é forte e debe servir para dar resposta aos problemas concretos que ten a xente”, sinala Eva Solla.

Eva Solla, coordinadora nacional de Esquerda Unida, e Rubén Pérez, secretario de Organización de Esquerda Unida, veñen de presentar esta mañá en rolda de prensa o proceso interno de primarias de Esquerda Unida, que contará con mulleres e homes que terán un papel fundamental nas vindeiras Eleccións Municipais de 2019.

“Esta mañá presentamos un proceso interno que abrimos dende Esquerda Unida e polo cal elixiremos ás persoas que vaian xogar un papel clave dentro das candidaturas de unidade popular, así como no futuro de Esquerda Unida”, explica o secretario de Organización, Rubén Pérez. “Este proceso, que vén de arrancar agora, culminará coa elección dun grupo de homes e mulleres que representará a Esquerda Unida e que, por primeira vez, irá acompasado en todo o Estado”, sinala.

“Aínda que a posta en común da construcións de espazos xa se levou a cabo con AGE en 2012, nós recoñecemos que seguir a facelo agora, dende o Estado, é todo unha aposta histórica. O acordo dende IU con Podemos e Equo, como con outras forzas, moitas delas coas que tamén traballamos en 2015, marcará unha pauta para a construción dun bloque de esquerda coa idea de seguir a pular por espazos de maioría social e unidade popular no país”, sinalou Rubén Pérez.

Eva Solla, coordinadora nacional de Esquerda Unida, lembrou que foi esta fin de semana cando se aprobou, na Asemblea Político e Social de IU, “unha aposta da organización por facer alianzas no conxunto do Estado o máis amplas posibles, no que se conflúa non só con organizacións políticas, senón tamén con colectivos sociais de mulleres e homes que participen nas reivindicacións que se están a dar no conxunto do Estado polos dereitos sociais”.

“Neste sentido, Izquierda Unida celebrará en xuño a segunda Asemblea de Activistas na que será o inicio de elaboración do programa marco para as municipais, onde aportaremos ideas básicas para este programa municipal que resolva e faga xustiza aos problemas da cidadanía”, lembrou a coordinadora.

“A experiencia deste anos, tanto nos concellos como noutros gobernos, fan que teñamos unha presencia solvente nos espazos de confluencia”, sinalou Solla, que deixou claro que Esquerda Unida ten capacidade para “ofrecer propostas solventes” coa experiencia que avala este tempo de traballo.

Por último, a coordinadora nacional de Esquerda Unida destacou que “a nosa proposta programática é forte e debe servir para dar resposta aos problemas concretos que ten a xente, hai milleiros de persoas están en risco de exclusión social, ou a situación que temos nos concellos de estrangulación económica”. En suma, destacou que temos moito traballo por diante para recuperar as cidades para a maioría social.