En Marea organiza unha xornada de comparecencias no Parlamento para complementar a “raquítica” comisión contra os lumes forestais e contrarrestar os vetos do PP

14/05/2018

O pasado 16 de novembro constituíuse a comisión parlamentaria de estudo e defensa contra os lumes forestais momento no que o grupo de En Marea dixo xa que era “notoriamente insuficiente para dar resposta ao problema social, económico, ambiental e político que creado no noso país e do que vaga de lumes de outubro era manifestación.

“Non foi cuestión forestal senón territorial, a febre dun territorio enfermo” asegurou Villares que lamentou así mesmo que o Partido Popular e o PSOE deixaran fora da comisión á segunda forza do Parlamento, En Marea, unha inxustiza que engadiu non foi a única. Houbo outra maior que tamén foi denunciada por En Marea como foi o veto do PP a voces significativas desde o punto de vista técnico e profesional que podían achegar solucións ao problema. Ante isto, En Marea actuou organizando unha xornada de traballo parlamentario “como continuidade da comisión que non puido ser”. Así, En Marea dará voz a todas as vetadas polo PP, máis de 70, “porque lle resultaban incómodas”. “O que fixo En Marea foi escoller de xeito transversal algunhas destas voces e traelas ao Parlamento o vindeiro 25 de maio”.

Trátase dunha cuestión territorial non forestal, polo tanto é necesario abrir o elenco a máis disciplinas que as aprobadas polo PP. Cambio climático, multifuncionalidade do monte, recuperación da agrodandeiría, cohesión territorial do país son algunhas cousas imprescindibles á hora de abordar o problema. Así mesmo, En Marea quixo traer máis protagonismo de voces femininas para “feminizar o discurso sobre o territorio e dotalo dunha maior transversalidade”. Así a xornada contará con traballadores do servizo público de defensa contra os incendios forestais, cunha capataz de brigada xa que “a xente que interveu directamente na extinción é a mellor capacitada para dicir que fallou e como traballar mellor sobre o terreo”.

Outros nomes propios será Xosé Constenla, especialista en temas territoriais recentemente galardoado polo seu traballo de investigación relacionado co tema e que explica os motivos polos que o lume chegou á cidade de Vigo demostrando unha vez máis que non se trata só dunha cuestión forestal. Estarán presentes tamén voces autorizadas do mundo agrario do Sindicato Labrego Galego achegando ás mulleres que “que tanto teñen que dicir e foron vetadas na comisión oficial”.

Francisco Ónega, especialista en xestión de terreos agrarios, do territorio orientado á produción agropecuaria, e foi xerente do primeiro banco de terras de Galicia quen poderá explicar de que xeito se poden mobilizar as terras agrarias para poñelas en produción.

Na sesión de tarde desta xornada organizada por En Marea será a quenda de Xabier Vázquez Pumariño significado militante do movemento ecoloxista e biólogo xa que como sinalou o voceiro de En Marea “non podemos abordar a cuestión territorial e forestal sen contar co movemento ecoloxista”. Tamén Zeltia Burgos, do grupo de axentes medioambientais e forestais, que son os que se ocupan durante o conxunto do ano de que os montes non ardan na tempada seca. Comparecerá tamén Eloi, presidente de Pastos e Forraxes. Silvicultura e pastoreo como alternativas ao monte abandonado. “Fálase moitas veces de desbrozar pero non hai desbrozadora que chegue para todo o monte, a non ser que se faga con desbrozadoras con dentes e sorprendentemente o PP vetou na comisión de estudo”.

Carla Pérez, Salceda, en representación dos gobernos municipais aos que non se lle deu voz pese a se tratar de xente que estivo directamente sobre o terreo, evacuando poboacións, dirixindo cuadrillas, e foron silenciadas.

Achegas que poden complementar unha comisión que desde o primeiro momento, e vistos os vetos, sabíase que non ía servir para solucionar os problemas do país como denunciou Villares.

As conclusións desta xornada de traballo organizada por En Marea formarán parte do informe que En Marea presentará á comisión oficial do Parlamento, “de xeito que voces excluídas si concorran”.

O voceiro de En Marea concluíu a rolda de prensa de presentación das xornadas reiterando o ofrecemento do seu grupo á chegar a unha posición de consenso para o futuro plan forestal. “Temos que deixar a un lado as siglas dos partidos políticos, actuar de xeito transversal e abranguer a todos os sectores económicos, sociais, ambientais e ter en conta ao conxunto da poboación” explicou Villares. “A proposta de pacto nacional que xa trouxemos á Cámara despois dos lumes de outubro segue en vigor no discurso político de En Marea e por iso queremos facer de novo un chamamento a unha posición consensuada que non exclúa ningún sector. Estamos ante unha situación grave e é necesario actuar con responsabilidade” concluíu o voceiro de En Marea.

Temas: