Redacción •  Galicia •  12/02/2018

Eva Solla e Manuel Lago presentan o coloquio que terá lugar en Vigo sobre un novo reparto de financiación

“Entendemos que temos que poñer o foco nun novo modelo de reparto de financiación proposto dende a esquerda e que represente a propia visión da esquerda, é dicir, que vaia máis alá da propia pelexa dos diferentes territorios”, Eva Solla.

Respecto á gran débeda pública, esencia do debate, Manuel Lago incide en que “Feijóo someteu a unha dieta estrita á sociedade galega para non ter déficit: recortando o gasto público para afianzar a súa boa imaxe. Agora, Montoro di que todo este sufrimento non sirve para nada”, Manuel Lago.

Eva Solla e Manuel Lago presentan o coloquio que terá lugar en Vigo sobre un novo reparto de financiación

Compostela, 12 de febreiro de 2018. Eva Solla, coordinadora de Esquerda Unida, e Manuel Lago, deputado de En Marea, veñen de presentar esta mañá en rolda de prensa o coloquio “Reformular o Estado: Por un novo reparto da financiación”, que terá lugar o vindeiro xoves 15 de febreiro, en Vigo.

Segundo vén de explicar a coordinadora de Esquerda Unida, esta charla terá lugar “xustamente no momento no que se está a dar un debate actual e profundo sobre o financiamento autonómico”. É por iso que “entendemos que temos que poñer o foco nun novo modelo de reparto de financiación proposto dende a esquerda e que represente a propia visión da esquerda, é dicir, que vaia máis alá da propia pelexa dos diferentes territorios e que trate tamén temas importantes como a situación social e económica que viven as traballadoras e traballadores do noso país”.

“Tamén temos que falar de como se atopan os nosos concellos a nivel financeiro ou de como se reparte e se fai esa recadación de ingresos no territorio español”, explica a coordinadora de Esquerda Unida.

Pola súa banda, o deputado Manuel Lago explicou que “estamos sometidos a un modelo de financiamento autonómico que se chamaba 2009-2014 e, no 2018, seguimos sen revisar o noso modelo de financiación. Isto é un gran fracaso do desgoberno de Rajoy. Unha gran parte dos problemas que ten a sociedade galega é a falta de ingresos derivada de ese fracasado modelo 2009-2014 de financiación e non se pode entender a política de recortes, de duros axustes, nin o endebedamento das comunidades autónomas sen partir de que estamos sometidos a este modelo fracasado e insuficiente. Xa é unha urxencia política, social e económica dotarnos dun novo plan de financiamento actual para dar resposta aos problemas da cidadanía”.

Ao noso entender, o novo plan de financiamento debe avanzar en varias liñas básicas: a suficiencia dos recursos (precisamos que se reciban máis fondos, o que implica unha profunda reforma fiscal), a loita contra o fraude fiscal e a posta en marcha de medidas para destinar máis ingresos e recursos ás comunidades autónomas e aos concellos fronte os recortes que os está a someter Montoro.

Respecto á gran débeda pública, “esencia do debate de financiamento e unha polémica que se está a tratar na sede financiada ilegalmente do PP en Génova”, Manuel Lago incidiu en que “Feijóo someteu a unha dieta estrita á sociedade galega para non ter déficit: recortando o gasto público para non ter débeda coa fin de afianzar a súa boa imaxe. Agora, Montoro di que todo este sufrimento non sirve para nada e o seu discurso queda impugnado. Si se perdoa a débeda, todo o discurso de Feijóo de austeridade e bo xestor cae á terra”, expón.

Ademais de Eva Solla e Manuel Lago, no debate deste xoves en Vigo participarán persoas de relevancia como Carlos Sánchez Mato, economista, concelleiro de Ahora Madrid e responsable de Políticas Económicas de IU; María Cadaval, economista e profesora da USC ou Albino Prada, economista e profesor da UVIGO.

 


Esquerda Unida /  Eva Solla /