En Marea ve unha “tomadura de pelo” e unha provocación o plan de traballo presentado pola Mesa da Comisión especial de Incendios, baseado exclusivamente na proposta do PP

26/12/2017

Luís Villares: “Que non conten con En Marea para lexitimar un lavado de cara das políticas do PP que supuxeron un fracaso en materia forestal e territorial”

O plan de traballo de En Marea aposta por abordar as causas estruturais dende unha perspectiva territorial e aberta á participación cidadá.

“Unha comisión de estudo ten carácter técnico e debería estar aberta ás achegas de todas as forzas políticas”, lembrou o voceiro de En Marea Luís Villares tras coñecer que o Plan de Traballo presentado pola Mesa da Comisión especial de estudo para a prevención de incendios forestais só atende as propostas formuladas polo Grupo Parlamentario Popular. “Dende En Marea parécenos inaceptable e unha verdadeira tomadura de pelo”, engadiu Villares, antes de advertir que En Marea non lexitimirá “o que non pretende ser máis ca un lavado de cara das políticas do PP que supuxeron un fracaso non soamente en materia forestal, senón tamén territorial”, polo que “soprende especialmente que esta propoña veña avalada polo Partido Socialista, que forma parte da Mesa”.

A proposta de Plan de Traballo formulada pola Mesa será mañá sometida a debate, sesión na que o voceiro de En Marea agarda que se “modifique sustancialmente incorporando as achegadas de todos os grupos políticos, que están baseadas en perspectivas técnicas para axudar a entender o fenómeno dos incendios forestais, que para nós ten carácter territorial, non soamente forestal”.

Nese senso, o Plan de Traballo de En Marea fai especial fincapé na necesidade de coñecer toda a información e documentación traballada nas lexislaturas pasadas e abordar as “causas estruturais que veñen provocando un aumento descontrolado da biomasa combustible en zonas cada vez máis amplas do país”, incrementando a vulnerabalidade territorial fronte aos lumes, sen esquecer a incidencia do cambio climático.

O segundo paso que propón En Marea é garantir a participación cidadá, coñecendo a opinión de todos aqueles axentes sociais que poidan achegar opinións, experiencias e coñecementos. Nesa dirección recomenda a habilitación dunha plataforma dentro da páxina web do Parlamento, a través da cal se poidan trasladar suxestións, inquedanzas e reflexións ao respecto da materia desta Comisión.

En Marea tamén solicita máis de 60 comparecencias tanto dos responsables políticos, como dos axentes sociais e doutras institucións implicadas, así como de todos os profesionais da parte técnica e científica que poidan achegar elementos de debate e propostas de acción a esta comisión. Entre as propostas destacan representantes dos principais sindicatos, asociacións ecoloxístas, dos gobernos municipais máis afectados pola vaga de lumes ou voceiros de institucións dedicadas ao estudo do territorio e do cambio climático.

Por último, considérase indispensable a elaboración dun documento de conclusións e dun catálogo de propostas e recomendacións ás administracións competentes, que parta dun consenso dunha maioría cualificada da Comision de estudo. “Ditas propostas deberán incluír uns indicadores verificables para a posterior avaliación tanto do curso da execución das medidas como do seu grao de cumprimento nos prazos fixados. Ademais, incorporarán as previsións para unha axeitada difusión tanto entre as administracións como na sociedade no seu conxunto”, recolle o documento de En Marea.

Añadir nuevo comentario

Comentarios

Plain text

  • No se permiten etiquetas HTML.
  • Las direcciones de las páginas web y las de correo se convierten en enlaces automáticamente.
  • Saltos automáticos de líneas y de párrafos.
Al enviar este formulario, usted acepta la política de privacidad de Mollom .