En Marea reclama un estudo das causas do aumento de agresións sexuais en Galicia e un reforzo dos axentes de igualdade en administracións e centros educativos

24/11/2017

A deputada Paula Quinteiro tamén esixiu atención psicolóxica específica para as vítimas de violacións e protección fronte á vulneración dos seus dereitos por parte de determinados medios de comunicación.

Este ano a convocatoria do Día Internacional contra as Violencias Machistas chega marcada por un alarmante incremento das denuncias por agresións sexuais en Galicia, problema sobre o que centrou o grupo parlamentario En Marea a interpelación que vén de rexistrar no Parlamento de Galicia. “Na raíz do problema está o machismo”, sinalou a deputada Paula Quinteiro, que volveu criticar duramente a “nefasta campaña da Xunta” que cousifica as mulleres ou do Ministerio de Interior, xa retirada, onde se vencellaba agresións e alcol. “A cultura da muller obxecto fala claro, se es unha cousa poden facer contigo o que queiran”.

Segundo datos do Ministerio de Interior, durante o primeiro semestre deste ano aumentaron un 117% as violacións con penetración en Galicia con respecto ao ano 2016 (pasando de 12 a 26) e no caso de abusos e agresións sexuais o balance recolle un total de 363, o que supón un 11% máis e tres puntos por riba do incremento rexistrado no conxunto do Estado (un 7,9%) . “Temos que atrevernos como sociedade a visibilizar que a cultura da violación existe e combatela con firmeza”, reivindicou Quinteiro, para quen a Xunta “non está a facer o suficiente e carece dunha visión transversal atravesada pola perspectiva feminista”.

Dende En Marea vense de rexistrar na Cámara Galega unha interpelación para coñecer que valoración fai o Goberno galego desta alarmante situación. Paula Quinteiro tamén informou das medidas propostas polo grupo parlamentario para combater esta lacra, entre as que destacan a realización dun estudo por parte da Xunta para avaliar as causas deste incremento, ademais de dotar con orzamentos campañas educativas específicas.

Reforzar progresivamente con axentes de igualdade todas as administracións e centros educativos e garantir unha atención psicolóxica adecuada ás vítimas con protocolos específicos forman parte da batería de medidas de En Marea, que tamén inclúe a esixencia ás Administracións Públicas de velar polo cumprimento estrito da lexislación por parte dos medios de comunicación na información sobre estes delictos de cara a evitar tratamentos coma o que se está a dar co caso “La Manada”.

Por último, Paula Quinteiro fixo un chamamento á participación nas mobilizacións do #25N convocadas polo Movemento Feminista Galego “pois é fundamental que combatamos esta situación todas xuntas na rúa”.

Temas: 

Añadir nuevo comentario

Comentarios

Plain text

  • No se permiten etiquetas HTML.
  • Las direcciones de las páginas web y las de correo se convierten en enlaces automáticamente.
  • Saltos automáticos de líneas y de párrafos.
Al enviar este formulario, usted acepta la política de privacidad de Mollom .