Redacción •  Galicia •  21/06/2017

En apoio da folga no metal provincial da Coruña

Con motivo da convocatoria unitaria de folga para os vindeiros 22 e 27 de xuño e 4 e 5 de xullo no sector provincial das empresas do metal, o Partido Comunista de Galicia, xunto a súa Xuventude, manifesta o seu apoio ás xornadas de mobilización convocadas e confía que a firmeza na presión sexa determinante para avanzar na negociación do convenio colectivo provincial do metal.

En apoio da folga no metal provincial da Coruña

Despois de máis de 2 anos nos que as negociacións do novo convenio colectivo provincial do Metal se atopan encalladas, preto de 18.000 traballadoras e traballadores do sector están chamadas a secundar as 4 xornadas de folga convocadas unitariamente polas organizacións sindicais maioritarias se a patronal mantén a súa posición de bloqueo na negociación.

Deste xeito, as condicións laborais no metal provincial levan máis de 2 anos e medio degradándose ao non poderse avanzar na recuperación salarial, no mantemento dos dereitos nas subrogacións, na limitación do traballo con ETTs, no control das mutuas, entre outras reivindicacións sindicais na negociación do convenio.

É evidente a actitude precarizadora das organizacións empresariais do metal provincial e o seu obxectivo  de aproveitar o escenario de desregulación que permiten as reformas laborais pola vía do debilitamento da capacidade contractual da negociación colectiva.

A militancia comunista saúda a decisión sindical de combater coa mobilización o obxectivo patronal de precarizar e desregular  as condicións laborais nas empresas do metal na provincia, dende a confianza de que estas xornadas de folga van conseguir acabar con bloqueo patronal na negociación, permitindo avanzar nas reivindicacións laborais das organizacións sindicais.

 Un conflito que se torna esencial para as condicións de vida de amplas capas asalariadas da provincia, tendo en conta a importancia deste sector na marcha da economía do territorio e a permanente ofensiva precarizadora e desregularizadora que a patronal aplica sobre as principais empresas do sector, como está a acontecer en Alcoa, Ferroatlántica, Fábrica de Armas, sen máis obxectivo que especular e quitar beneficio a costa de desindustrializar a provincia, e sen esquecer a complicidade dos gobernos da Xunta e do Estado nesta estratexia suicida para o desenvolvemento económico da provincia e do país.

Por todo o anterior dende o PCG e a Xuventude Comunista solidarizámonos coas traballadoras e traballadores do metal provincial e amosamos o noso máximo apoio as reivindicacións sindicais e as xornadas de folga convocadas para desbloquear a negociación do convenio, ao tempo que facemos un chamamento ao conxunto de traballadoras e traballadores do sector a secundar ditas mobilizacións. É momento de dar un paso adiante e demostrar á patronal que a clase obreira organizada sempre vence.


Partido Comunista de Galicia /