Ernesto Ilkermn - Roberto Solano •  Galicia •  22/04/2017

Chapela leva ate a factoría de Pescanova a protesta contra a multinacional

Multitudinaria manifestación, na que arredor dun milleiro de persoas percorreron toda Chapela ate chegar ás portas de Pescanova, na tarde do 21 de abril.

Chapela leva ate a factoría de Pescanova a protesta contra a multinacional
«Pescanova somos tod@s» foi a pancarta principal ca que a xente de Chapela arroupou aos seus veciños, traballadores da factoría de Pescanova, unha multinacional ca que están a negociar o convenio colectivo, ca mediación dun árbitro unha vez que as negociacións chegaron a un punto morto, ante a negativa da empresa de acceder á revalorización salarial e tamén en relación cas novas contratacións. Detrás dela moitas pancartas cos diferentes colectivos que apoian ao comité de traballador@s -toda a corporación municipal, sindicatos, asociacións de veciños, clubes deportivos, colexios e un longo etc.- O alcalde de Redondela, acompañado de concelleiros de todos os partidos, así como varias deputadas nacionáis e autonómicas tamén estiveron entre os manifestantes nun asunto que vai máis alá do conflicto laboral, pois boa parte de Chapela vive da industria que xera a factoría. A pesar de que a día de hoxe é unha multinacional, recordouse a orixe local, galega, de Pescanova que, tras expandirse e xogar nos mercados, leva anos de conflictos financieiros e tamén laboráis:
 
 
«No ano 1960 comeza a andar Pescanova, da man de José Fernández e Paz Andrade, nacía en Chapela unha empresa Galega para demostrar que os galegos e galegas eramos quen de crear industria nosa e de importancia mundial. Comezaron a andar os mares aqueles buques que manufacturaban e ultruconxelaban o peixe, os primeiros da historia, e o primeiro deles o “Lemos”, nome noso coma o da Asteleiro onde se fixo, Ascón. Logo viñeron o Soutomaior, o Andrade e outros tantos que eran nomes de nós, que eran as nosas mans navegando os mares do mundo, facendo Galicia inmensa e internacional, Galicia arredor de si; e Galicia foi tamén o nome do buque que antes foi o Habana, de novo a historia de Galicia e os galegos indo e vindo.
Así medrou PESCANOVA, entre nós, para nós e por nós. E cando dicimos por nós hai que falar dos homes e mulleres que deixaron os seus corpos na construción desta empresa, calquera delas ou deles podería ser o que inspirou o «Monólogo do vello traballador» de Celso Emilio Ferreiro. Construímos Pescanova botando horas no lombo, e tamén botando horas na conxura dun convenio colectivo digno.
 
Pasaron os anos e inventaron a globalización, as empresas perdían a patria para só ser capital, máis capital interesado, especulación, acumulación, número. E nesa loucura de acumular sen humanidade atopamos a desaparición de 3.000 millóns de euros a mans da dirección que comezou a globalizar a empresa en ilusións imposíbeis.
Novamente foron os traballadores e traballadoras as que mantiveron a empresa co seu silencio e colaboración, porque sentían que a empresa era tamén delas, que a ría que a sostén era tamén delas, que os recheos e autoestradas que romperon a parroquia tamén eran delas, tamén se fixeron para que Pescanova medrara en nós, cos nosos cartos e cos corpos..
Viñeron entón os bancos a converternos en números, a pretender converter a nosa historia, a de centos de familias, nun libro de contabilidade. Viñeron a dicir que só contan as débedas que outros crearon e nós deberemos pagar, dun xeito ou doutro. E veñen a negociar dende Madrid falando de viabilidade e dicindo que Pescanova agora é Nueva Pescanova, así, co español por diante, porque o noso xa non vale, porque nós xa non valemos e agora debemos cobrar un 30% menos para que os bancos rendabilicen as súas propias débedas, e dos nosos impostos seguen a desviar cartos para a súa NUEVA PESCANOVA que xa non queren nosa.
 
Hoxe o pobo de Chapela contesta nas rúas, nas súas rúas, que Pescanova non é Nueva, que foi e será Nova, será a nosa pesca e seremos todas nós as que unha vez máis a saquemos adiante.»
 
 

convenio /  huelga /  Pescanova /  trabajadores /